Thursday 16 de May de 2024

A parroquia de Feás xa conta cun novo parque infantil


• A actuación, con máis de 33.000 euros de orzamento e financiada a través do Plan Único, incluíu a instalación dunha zona de xogo, máquinas de exercicio biosaudable e o acondicionamento da zona de acceso.

• “Era un investimento pactado previamente cos veciños e veciñas da zona e agora os máis pequenos xa teñen preto un espazo moderno onde xogar”, explicou José Miguel Alonso Pumar.

O Concello de Cariño finalizou os traballos de construción dun novo parque público na parroquia de Feás, un proxecto valorado en 33.358,22 euros e financiado a través do Plan Único da Deputación dá Coruña. Este novo equipamento instalouse nunha parcela de 450 m² previamente adquirida polo Concello e próxima ao campo da festa da parroquia.

A actuación incluíu a construción dun parque con zonas verdes, delimitadas por un bordo e pavimento para os peóns de saburra fina. Ademais, instaláronse os correspondentes peches, o mobiliario urbano (bancos, papeleiras e unha fonte), formáronse dúas zonas de xogo con pavimento de caucho para os máis pequenos e tamén se trasladron alí 5 máquinas de exercicio biosaudable para os adultos, xa adquiridas e que temporalmente foran situadas noutro lugar.

O proxecto tamén permitiu acondicionar unha chaira de 200 m² de acceso ao novo parque, que antes se atopaba maioritariamente en estado natural e pavimentouse con aglomerado asfáltico para permitir o estacionamento de vehículos.

O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, destacou que “era un investimento pactado previamente cos veciños e veciñas da zona e agora os máis pequenos xa teñen preto un espazo moderno onde xogar”.